A denominación correcta dun xeoparque é Xeoparque Mundial da UNESCO, posto que é este organismo das Nacións Unidas quen outorga o distintivo sempre que se solicite previamente e se cumpran varios requisitos:

  1. Que sexa un territorio unificado xeograficamente, con referentes xeolóxicos únicos e con certo atractivo visual e de contido para visitantes.

  2. Que exista unha entidade con capacidade de xestión encargada de levar a cabo unha estratexia integral relacionada coa conservación dos recursos, a investigación, a educación, o turismo e o desenvolvemento económico e social.

  3. Que esa estratexia estea en marcha incluso antes da solicitude, con actuacións de posta en valor da xeoloxía e medidas que garantan a máxima participación social, xa que os xeoparques deben estar construídos de abaixo arriba.

  4. Que existan recursos económicos suficientes para o sostemento do plan de acción, que despois pode levarse a cabo directamente ou ben coa colaboración de empresas e entidades do territorio.

Cómpre destacar que un xeoparque non é unha figura legal que supoña restricións sobre os usos do chan, aínda que optar ao selo da UNESCO si esixe certos compromisos de conservación dos recursos.

En resumo, o xeoparque ha de ter un patrimonio xeolóxico destacado e ese patrimonio debe xestionarse vinculándoo coa cultura, a natureza, o tecido socioeconómico e a sustentabilidade, co obxectivo de cohesionar o territorio, reforzar a identidade dos seus habitantes coa riqueza da área onde viven e contribuír desde o ámbito local ao coñecemento global do noso planeta.